1 Samuel 11
11
Xaúl vence ós amonitas
1Subiu Nahax o amonita e puxo o campamento contra Iabex de Galaad. Os de Iabex propuxéronlle a Nahax: —"Fai unha avinza connosco e seremos vasalos teus". 2Nahax o amonita respondeulles: —"Farei un pacto convosco coa condición de arrincarvos a todos o ollo dereito, sinal de afronta para todo Israel". 3Os vellos de Iabex dixéronlle: —"Concédenos sete días, para mandarmos mensaxeiros por todo o país de Israel. Se non houbese quen nos axude, quedarémosche sometidos".
4Os mensaxeiros chegaron a Guibah de Xaúl e contaron o caso ós oídos do pobo. Todo o mundo rompeu a chorar. 5Niso volvía Xaúl do agro, tras dos bois, e preguntou: —"Que lle pasa a xente que está toda chorando?" E contáronlle o caso que referiran os de Iabex.
6En oíndoo, entrou en Xaúl o espírito de Deus e alporizouse. 7Colleu a parella dos bois, tronzounos e mandou os anacos por todo Israel por mensaxeiros que pregoaban: —"Isto é o que se fará co gando dos que non saian á guerra, detrás de Xaúl e de Samuel". Un medo sagrado arrepiou a toda a xente, que saíu coma un só home. 8Xaúl revistounos en Bézec: os de Israel eran trescentos mil, e trinta mil os de Xudá.
9Entón dixéronlles ós mensaxeiros que viñeran de Iabex de Galaad: —"Anunciádelle á vosa xente: Mañá, ó quentar o sol, chegaravos a axuda". Marcharon os mensaxeiros e déronlles a nova ós de Iabex, que reloucaban. 10Estes respondéronlles entón ós amonitas: —"Mañá entregarémonos a vós, e faredes connosco o que vos pareza".
11O día seguinte, Xaúl dividiu o exército en tres corpos, que, á hora da garda da mañá, entraron no campamento amonita e estivérono batendo ata as horas da calor. Os que puideron fuxir, espalláronse para todos os lados, sen quedaren dous xuntos.
12Entón a xente dicíalle a Samuel: —"Onde están os que preguntaban: Vai reinar Xaúl sobre nós? A velos, que os mataremos!" 13Pero Xaúl respondeulles: —"Hoxe non morrerá ninguén, pois hoxe salvou o Señor a Israel".
14Samuel díxolle ó pobo: —"Vaiamos a Guilgal, para inaugurar alí a realeza". 15Fóronse todos a Guilgal e coroaron rei a Xaúl, alí, na presenza do Señor. Ofrecéronlle ó Señor sacrificios de comuñón, e Xaúl e os israelitas celebraron alí unha gran festa.
Currently Selected:
1 Samuel 11: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT