YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 1

1
Vellez de David
1O rei David ía xa vello, moi metido en anos, e por máis que o cubrían de roupa, non quecía.
2Dixéronlle os seus servidores: —"Que se procure para o rei, noso señor, unha rapaza nova, para que o sirva e o atenda, que durma con el e que o faga quecer". 3Foron por todo Israel, á busca dunha rapaza fermosa; atoparon a Abixag de Xunam e leváronlla ó rei. 4A rapaza era moi bela. Servía ó rei e coidaba del; pero o rei non se lle achegou.
Adonías pretende o reino
5Ao tempo, Adonías, fillo de Haguit, ergueuse e andaba dicindo: —"Eu serei rei". Fíxose cunha carroza e cabalos e con cincuenta homes de escolta. 6Seu pai nunca o contrariara, preguntándolle que facía. Era moi ben parecido e nacera despois de Abxalom.
7Mantiña tratos con Ioab, fillo de Seruiah, e co sacerdote Abiatar, que o apoiaban. 8Pero o sacerdote Sadoc, Benaías, fillo de Iehoiadá, o profeta Natán, Ximí, Reí e mais os valentes de David, non seguían a Adonías.
9Adonías sacrificou ovellas, bois e becerros, onda a pedra Zohélet, ó pé de En Róguel. Convidou ós irmáns, fillos do rei, e ós homes de Xudá que servían ó rei; 10pero ó profeta Natán, e Benaías, ós valentes de David e ó seu irmán Salomón, non os convidou.
A causa de Salomón
11O profeta Natán díxolle entón a Batxeba, nai de Salomón: —"Non oíches dicir que se proclamou rei Adonías, fillo de Haguit, sen que o saiba David, noso señor? 12Déixame que che dea un consello, se queredes salvar a vida ti e teu fillo Salomón. 13Vai onda o rei e dille: Rei, meu señor, non tiñas xurado á tua serva que despois de ti reinaría o meu fillo Salomón, sentándose no teu trono? Como é pois, que se proclamou rei Adonías? 14O tempo de estares falando ti co rei, entrarei eu e confirmarei as túas palabras".
15Batxeba entrou onda o rei, na súa alcoba. O rei estaba moi vello, e servíao Abixag a xunamita. 16Batxeba inclinouse e prostrouse diante do rei. E o rei preguntoulle: —"Que queres?" 17E ela respondeulle: —"Señor, ti xurácheslle polo Señor, teu Deus, á tua serva: despois de min reinará o teu fillo Salomón, sentándose no meu trono. 18Mais agora é Adonías quen se proclama rei, ás túas escondidas. 19Sacrificou bois, becerros e moitísimas ovellas e convidou a todos os fillos do rei, ó sacerdote Abiatar e ó xeneral Ioab, pero ó teu servo Salomón non o convidou. 20Agora, rei, meu señor, os ollos de todo Israel están postos en ti, á espera de que lle digas quen reinará despois de ti. 21Ora, cando o rei, meu señor, durma cos seus pais, eu e meu fillo Salomón teremos a consideración de culpables".
22Aínda falaba ela co rei, cando entrou o profeta Natán. 23Anunciáronlle ó rei: —"Velaquí o profeta Natán". Entrou el onda o rei e prostrouse polo chan. 24E dixo: —"Ti, rei meu señor, debes ter dito que Adonías será rei despois de ti, que será el quen sente no teu trono. 25Porque hoxe baixou e sacrificou bois e becerros e moitísimas ovellas e convidou a todos os fillos do rei, ós xenerais e ó sacerdote Abiatar. Están agora no convite e proclaman: Viva o rei Adonías. 26Pero a min, o teu servidor, ó sacerdote Sadoc, a Benaías, fillo de Iehoiadá e ó teu servo Salomón non nos convidou. 27Será isto cousa do rei, meu señor, mesmo se ti non informaches ós teus servos de quen sentará no trono, para reinar despois de ti?"
28Niso ordenou o rei David: —"Chamádeme a Batxeba". Entrou Batxeba e quedouse de pé diante do rei. 29Entón o rei xurou: —"Polo Deus vivo, que me tirou de todas as angustias. 30O que che xurei polo Señor, Deus de Israel, que o teu fillo Salomón reinaría despois de min, sentado no meu trono, vouno cumprir agora mesmo".
31Inclinouse Batxeba e prostrouse polo chan diante do rei e dixo: —"Viva por sempre o rei David, meu señor".
32O rei David mandou entón: —"Chamádeme ó sacerdote Sadoc, ó profeta Natán e a Benaías, fillo de Iehoiadá". E eles entraron onda o rei. 33El díxolles: —"Levade convosco os ministros do voso señor, montade a meu fillo Salomón na miña mula e baixádeo a Guihón. 34Alí o sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxirano rei de Israel. Logo tocaredes a trompeta e aclamaredes: Viva o rei Salomón!. 35Rubiredes despois tras el, e que veña sentar no meu trono, para reinar no meu lugar. Dispoño que sexa el o xefe de Israel e de Xudá".
36Benaías, fillo de Iehoiadá, respondeulle ó rei: —"Amén, que así o queira o Señor, Deus do meu señor o rei. 37Segundo estivo o Señor co rei, meu señor, que estea tamén con Salomón e que engrandeza o seu trono, aínda máis có do rei David".
38Entón o sacerdote Sadoc, o profeta Natán, Benaías, fillo de Iehoiadá, cos cereteos e os peleteos, baixaron a Salomón montado na mula do rei e conducírono a Guihón.
39O sacerdote Sadoc colleu do santuario o corno de aceite e unxiu a Salomón. Tocaron a trompeta, e o pobo todo aclamou: —"Viva o rei Salomón". 40Despois subiron todos detrás del, tocando frautas e facendo tan grande festa, que a terra tremía co estrondo.
Desfeita de Adonías
41Oírono Adonías e os seus convidados, que acababan de comer. En sentindo Ioab o son da trompeta, preguntou: —"Que algueirada é esa na cidade?"
42Non concluíra de falar, cando entrou Ionatán, fillo do sacerdote Abiatar. Díxolle Adonías: —"Entra; ti es home de ben e traerás boas noticias".
43Ionatán respondeulle: —"Ben ó contrario. O rei David, noso señor, fixo rei a Salomón. 44O rei mandou con el ó sacerdote Sadoc, ó profeta Natán e Benaías, fillo de Iehoiadá, cos cereteos e os peleteos, e levárono montado na mula do rei. 45O sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxírono rei en Guihón. De alí rubiron en festa, e a cidade relouca. Esa é a algueirada que oístes.
46E aínda máis. Salomón sentou no trono real, 47e os servidores do rei foron felicitar o rei David, noso señor:
"Que Deus faga ben a Salomón, por enriba de ti,
e que engrandeza o seu trono sobre o teu.
E o rei, prostrado no seu leito, exclamou:
48Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,
que me deu hoxe quen sente no meu trono
e que me permitiu que o vise cos meus ollos".
49Os convidados de Adonías, todos cheos de medo, erguéronse e marcharon, cada un polo seu lado. 50Adonías tivo medo de Salomón e foise agarrar dos cornos do altar.
51Dixéronlle a Salomón: —"Seica Adonías teme ó rei, e foise agarrar dos cornos do altar. Quere que lle xures que non o matarás a fío de espada".
52Salomón respondeu: —"Se se amosa home de ben, non caerá por terra un só dos seus cabelos; pero se comete algunha falta, morrerá". 53O rei Salomón mandou que o baixasen de onda o altar. Adonías veu prostrarse diante do rei Salomón, e este díxolle: —"Vai para a túa casa".

Currently Selected:

1 Reis 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in