1 Crónicas 28
28
Disposicións de David para a edificación do templo
1David convocou en Xerusalén a todos os xefes de Israel: ós xefes das tribos, ós xefes das divisións ó servizo do rei, ós xefes, xenerais e oficiais, ós intendentes da facenda e do gando do rei, a seus fillos, ós eunucos, ós heroes e a todos os homes de valer.
2David, poñéndose en pé, dixo: —"Oídeme, meus irmáns e pobo meu: eu tiña o propósito de edificar un templo onde repousase a arca da alianza do Señor, unha casa que lle servise de tallo para os pés do noso Deus, e xa fixera preparativos para isto, 3pero Deus díxome: ti non edificarás casa ó meu Nome, porque es home de guerra e derramaches moito sangue.
4O Señor, Deus de Israel, elixiume de toda a casa de meu pai para que fose rei de Israel para sempre. De feito, escolleu a Xudá por caudillo, e da casa de Xudá, á familia de meu pai, e de entre os fillos de meu pai, compraceuse en min para facerme rei de todo Israel.
5De todos os meus fillos, pois deume Iavé moitos, elixiu a Salomón para se sentar no trono do Señor en Israel.
6E díxome: Teu fillo Salomón edificará o meu templo e os meus adros, porque o elixín por fillo e serei para el un pai.
7Eu afirmarei o seu reino para sempre se el se esforza en cumprir os meus mandamentos e os meus estatutos, coma os cumpre hoxe.
8Agora, pois, ante todo Israel, congregación de Iavé, ante o noso Señor, que nos oe, gardade e observade todos os mandamentos do Señor, o noso Deus, para que teñades esta boa terra e a deixedes en herdade ós vosos fillos a perpetuidade.
9E ti, Salomón, meu fillo, coñece ó Deus de teu pai e sírveo con corazón perfecto e ánimo xeneroso; porque o Señor esculca os corazóns de todos e penetra todos os pensamentos. Se ti o buscas, atoparalo, pero se o abandonas, refugarate para sempre.
10Mira que o Señor te elixiu para edificar un templo que sexa o seu santuario. Esfórzate e faino".
11Entregou David ó seu fillo o trazado do pórtico e as súas dependencias e oficinas, das salas, das cámaras e do lugar para o propietario.
12Así mesmo, o trazado de canto el quería facer para os adrais do templo do Señor, para as cámaras de arredor, para os tesouros da casa de Iavé e para as cousas consagradas.
13Así mesmo, no tocante ás clases dos sacerdotes, dos levitas e do exercicio do servizo da casa de Iavé, como tamén de todos os obxectos para ó servizo da casa de Iavé. 14No tocante ó ouro, o peso de ouro para cada un dos obxectos de cada clase de servizo; e tamén a prata, segundo o peso que correspondía a cada un dos obxectos de cada clase de servizo; 15Así mesmo, o peso dos candeeiros de ouro e as súas lámpadas de ouro, e para os candeeiros de prata, segundo o peso de cada candeeiro e das súas lámpadas, conforme ó servizo de cada candeeiro; 16o peso de ouro para as ringleiras de pan, para cada mesa, e a prata para as mesas de prata; 17ouro puro para os garfos, os caldeiros e as xerras; e así mesmo, o correspondente para as copas de ouro segundo o peso de cada copa, e para as copas de prata, segundo o peso de cada copa; 18para o altar do incenso, ouro depurado, segundo o peso; así mesmo, o modelo da carruaxe e dos querubíns que estenden as ás e cobren a Arca da alianza de Iavé. 19Todo isto, conforme ó que escribira Iavé da súa man para facer entender todos os detalles do deseño.
20E dixo David ó seu fillo Salomón: —"Se forte e ten valor! Mans á obra! Non teñas medo, nin esmorezas, porque Iavé Deus, o meu Deus, está ó teu carón. Non te deixará só, nin te abandonará, ata que remates toda a obra para o servizo da casa de Iavé.
21Aí tes as clases dos sacerdotes e dos levitas para todo o servizo da casa de Deus; estarán á túa beira para cada clase de obra. Todos os homes de boa vontade e destros para calquera clase de servizo, e os xefes do pobo enteiro, están ás túas ordes".
Currently Selected:
1 Crónicas 28: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT