Romanos 15
15
Facerlles ben ós demais
1Nós, os que estamos seguros, temos que aturar as feblezas dos inseguros, e non compracernos a nós mesmos. 2Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación. 3Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo; ó contrario, como está escrito: as aldraxes dos que te aldraxaban a ti caeron enriba de min. 4Ora, todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrución: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñamos a esperanza.
5Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme o exemplo de Cristo Xesús. 6Para que cun só corazón e unha soa boca loedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.
7Por iso, acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu, para gloria de Deus. 8Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus, para lles mostrar a firmeza das promesas feitas ós patriarcas; 9e tamén para que os xentís, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está escrito:
Por iso loareite por medio das nacións e cantarei himnos ó teu nome.
10E de novo di:
Alegrádevos, nacións, xuntamente co seu pobo.
11E noutro lugar:
Loade o Señor todas as nacións,
e celébreno todos os pobos.
12E tamén di Isaías:
Abrollará a raíz de Iexé,
e xurdirá o que vai dominar as nacións,
e nel poñerán a esperanza os xentís.
13Que o Deus da esperanza vos encha de alegría e de paz na vosa fe, para que rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo.
EPÍLOGO
Ministerio apostólico de Paulo
14Eu sei moi ben, meus irmáns, que tamén vós estades cheos de bondade, ateigados de toda sabedoría, e capacitados para vos aconsellar uns a outros. 15Con todo, escribinvos cun chisco de atrevemento para avivar as vosas lembranzas. Fíxeno en virtude da graza que me deu Deus, 16para ser eu ministro de Cristo Xesús en favor dos xentís, exercendo de sacerdote en servizo do Evanxeo de Deus, a fin de que a ofrenda dos xentís sexa agradable, xa que a santificou o Espírito Santo.
17Por tanto, no tocante ó servizo de Deus, os meus motivos de orgullo están en Cristo Xesús. 18Pois non me atrevería a falar de nada, fóra do que Cristo, para conseguir a obediencia dos xentís, fixo por min de palabra e de obra, 19A forza de milagres e prodixios e polo poder do Espírito. De maneira que desde Xerusalén e arredores ata o Ilírico, completei a predicación do Evanxeo de Cristo. 20De tal xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non edificar enriba de alicerces alleos; 21senón como está escrito;
Verano aqueles ós que aínda non se lles falara del,
e comprenderán aqueles que nunca oíran.
Proxecto de viaxe a Hispania pasando por Roma
22Foi isto mesmo o que decote me impedira ir onda vós. 23Mais agora, ó non me quedar xa lugar nestas rexións e, como hai moitos anos que estou con ganas de ir ata onda vós, 24cando vaia a Hispania espérovos ver de paso e que vós me facilitedes a viaxe; aínda que primeiro quero gozar un pouco convosco.
25Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servizo ós irmáns, 26pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os crentes de Xerusalén. 27Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais.
28Rematado este asunto e entregada oficialmente esa colecta, viaxarei para Hispania, pasando por aí. 29Sei que indo por onda vós irei coa plena bendición de Cristo.
30E agora pídovos, irmáns, polo noso Señor Xesús Cristo e polo amor que inspira o Espírito, que loitedes comigo, dirixindo as vosas oracións a Deus por min; 31para que me vexa ceibo dos incrédulos de Xudea e que os irmáns acollan ben este meu servizo en Xerusalén.
32Desa maneira poderei ir ledo onda vós e, se Deus quere, repousarei convosco. 33Que o Deus da paz vos acompañe a todos. Amén.
Iliyochaguliwa sasa
Romanos 15: ABGS
Kuonyesha
Nakili
Linganisha
Shirikisha
Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia
Dereitos reservados: SEPT