YouVersion Logo
Search Icon

Romanos 6

6
Mortos ó pecado, vivos en Cristo
1Que diremos logo? Manterémonos no pecado, para que abunde a graza?
2De ningunha maneira. Os que xa morremos ó pecado, como imos vivir aínda nel? 3Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. 5Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
6Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. 7Porque o que morre queda liberado do pecado.
8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; 9e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. 10Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. 11Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.
12Que non domine o pecado o voso corpo mortal, para obedecerdes as súas cobizas. 13Nin ofrezades os vosos membros coma armas da inxustiza ó servizo do pecado. Máis ben poñédevos á disposición de Deus, coma mortos que volvestes á vida. E ofrecede os vosos membros coma armas da xustiza ó servizo de Deus. 14Porque o pecado non vos dominará, que non estades xa debaixo da Lei, senón debaixo da graza.
Liberados do pecado
15E logo, que? Ímonos pór a pecar, porque xa non estamos baixo a Lei, senón baixo a graza?
De ningunha maneira. 16Ben sabedes que se vos ofrecedes a alguén coma escravos para o obedecer, sodes escravos dese a quen obedecedes: se ó pecado, para acabar na morte; se á obediencia, para acadar a xustificación.
17Pero, grazas a Deus, vós, aínda que erades escravos do pecado, obedecestes de corazón a doutrina fundamental á que vos entregaron; 18e, liberados do pecado, fixéstesvos escravos da xustiza 19(falo á maneira humana por mor da vosa natural limitación). Así que, do mesmo xeito que antes puxestes os vosos membros ó servizo da inmoralidade e da desorde para caerdes na anarquía moral, así agora poñede os vosos membros ó servizo da xustiza para chegardes á santidade.
20Cando erades escravos do pecado, estabades ceibos fronte á xustiza. 21Que froito sacastes entón daquilo do que agora vos avergonzades? Porque a fin diso é a morte. 22Agora, en troques, liberados do pecado e feitos escravos de Deus, tedes coma froito a santidade e coma fin a vida eterna. 23Pois o xornal do pecado é a morte, pero o regalo de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor.

Currently Selected:

Romanos 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in