Bible App logo
Search Icon

Salmos 78

78
(77) As leccións da historia
1Poema, de Asaf.
Escoita, meu pobo, a miña instrución,
atende as miñas palabras.
2Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.
3O que oímos e sabemos,
o que os pais nos contaron,
4non llelo podemos calar a seus fillos;
témolo que contar ás xeracións vindeiras:
as glorias do Señor, o seu poder,
e os milagres que fixo.
5El fixou unha norma en Xacob,
deulle unha lei a Israel
e mandou a nosos pais
que llela ensinasen a seus fillos,
6para que a xeración vindeira a coñeza
e os fillos que nazan llela conten ós seus fillos.
7Estes porán en Deus a súa esperanza,
non se esquecerán das súas obras,
gardarán os seus mandatos.
8Así non serán coma seus pais,
xente rebelde e teimuda,
raza de ánimo inquedo,
de espírito infiel a Deus.
9Os fillos de Efraím, bos arqueiros,
volveron as costas á hora do combate;
10non gardaron o pacto de Deus,
refugaron a súa lei;
11esqueceron as súas obras,
os prodixios que El lles mostrara.
12Diante de seus pais fixera marabillas,
na terra de Exipto, nos campos de Soán.
13Fendeu o mar para lles dar paso,
as augas fixeron diques.
14Coa nube guiábaos polo día
e con faro de lume pola noite.
15Fendeu rochas no deserto
e deulles de beber con abundancia;
16da rocha sacou caudais,
auga corrente coma ríos.
17Eles seguiron pecando,
ofendendo no deserto ó Altísimo.
18Tentaron a Deus no corazón,
pedíronlle comida por cobiza.
19Falaban así contra Deus:
—"Poderá Deus pór unha mesa no deserto?
20Se bateu a rocha e deitou auga,
e reverteron os regachos,
poderá tamén darnos pan
e prover ó pobo de carne?".
21Sentiuno o Señor e indignouse,
acendeuse a súa ira contra Xacob,
ferveu o seu noxo contra Israel,
22por non teren confianza en Deus
nin esperanza no seu socorro.
23Ordenou logo ás nubes desde arriba,
abriu as portas do ceo,
24e fixo chover maná para comeren;
deulles trigo do ceo.
25Comeu o home pan dos fortes,
deulles sustento a fartar.
26Fixo soprar no ceo o vento do leste,
dirixiu con poder o vento do sur,
27e choveu, coma po, carne sobre eles
e, coma area do mar, aves aladas.
28Botóullelos no mesmo campamento,
arredor das súas tendas.
29Comeron ata se fartaren,
cumpriulles os seus degoros.
30Pero non desistiron no antollo,
cando tiñan aínda na boca a comida.
31A ira de Deus acendeuse contra eles,
deu morte ós máis fortes,
e dobregou a flor de Israel.
32Con todo isto aínda pecaron,
non creron nos seus prodixios.
33El reduciu a súa vida a un sopro,
os seus anos a un suspiro.
34Cando os castigaba, eles buscábano,
volvíanse e corrían cara a Deus,
35lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.
36Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
37Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.
38Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acender o seu noxo,
39facendo conta de que eran carne,
sopro que se vai e que non volve.
40Cantas veces se rebelaron no deserto
e incomodaron a Deus na soidade!
41Tentaron a Deus moitas veces,
incomodaron ó Santo de Israel.
42Non facían conta da man
que un día os redimira da opresión,
43cando fixo sinais en Exipto,
escarmentos nos campos de Soán.
44Converteu en sangue os seus ríos
e non podían beber as súas augas.
45Mandoulles moscas que os picaban
e ras que os infestaban.
46Entregoulles ós saltóns as súas colleitas;
o froito do seu traballo, á lagosta.
47Bateu coa sarabia as súas viñas
e coa xeada as súas figueiras.
48Entregou os seus gandos ó pedrazo;
ós raios, as súas facendas.
49Descargou sobre eles a súa ira,
o noxo, o furor, a indignación,
mensaxeiros de desgrazas arreo.
50Deu renda solta ó seu noxo,
non escondeu da morte as súas vidas,
mais entregounos á peste.
51Feriu os primoxénitos de Exipto,
as primicias do vigor nas tendas de Cam.
52Sacou coma rabaño ó seu pobo,
guiouno coma un fato polo deserto.
53Conduciuno seguro, sen temor,
mentres o mar cubría os inimigos.
54Levounos á súa terra santa,
ó monte que adquirira coa súa dereita.
55Botou de diante deles ós pobos,
deulles en sorte o seu herdo,
apousentou nas súas tendas as tribos de Israel.
56Eles tentaron, provocaron ó Deus Altísimo,
non gardaron os seus preceptos.
57Coma seus pais, desertaron, traizoaron,
volvéronse, coma arco enganoso.
58Cos seus santuarios nos altos provocárono,
cos ídolos acenderon os seus celos.
59Sentiuno Deus e indignouse,
mesmo refugou a Israel.
60Abandonou o templo de Xiloh,
tenda da súa morada entre os homes.
61Deixou na catividade os seus valentes,
o seu orgullo en poder do opresor.
62Entregou o seu pobo á espada,
incomodouse contra o seu herdo.
63O lume engulipou os seus mozos
e non houbo cantares para as mozas.
64Os seus sacerdotes caeron pola espada
e as súas viúvas non choraron.
65Espertou o Señor coma dun sono,
coma guerreiro arrolado polo viño,
66e bateu nos seus inimigos polas costas,
deixounos para eterna vergonza.
67Desbotou as tendas de Xosé,
non elixiu a tribo de Efraím,
68elixiu a tribo de Xudá,
e o monte Sión que El amaba.
69Construíu o seu santuario nun outeiro
fundamentouno para sempre, coma a terra.
70Elixiu ó seu servo David,
colleuno dos curros do rabaño.
71De detrás das ovellas levouno
para alindar o seu pobo Xacob,
o seu herdo Israel.
72Alindouno con recto corazón,
dirixiuno con man intelixente.

Currently Selected:

Salmos 78: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in