YouVersion Logo
Search Icon

Filipenses 1

1
Encabezamento
1Paulo e Timoteo, servidores de Xesús Cristo, a todos os crentes en Cristo Xesús que vivides en Filipos e mais ós vosos encargados e diáconos 2desexámosvos a graza e paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
Paulo está satisfeito dos de Filipos
3Doulle grazas ó meu Deus por todo o que me acorda de vós. 4Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, 5pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. 6Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús. 7E é xusto que eu pense así, porque vos levo no corazón; a vós, que tanto que eu estea preso como que estea a defender e a afiuzar o Evanxeo, participades todos na graza da miña misión. 8Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! 9E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: 10Así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, 11e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.
Situación persoal de Paulo
12Quero que saibades, irmáns, que o que me está a pasar, máis ben aproveitou ó espallamento do Evanxeo. 13Porque na residencia do gobernador e nos outros sitios todo o mundo sabe que estou preso por ser cristián, 14e a maior parte dos irmáns, ó colleren da miña prisión azos para confiar no Señor, métense moito máis a anunciar a palabra de Deus sen medo. 15Hai, de certo, algúns que predican a Cristo por meteren envexa e por me faceren a competencia. Pero outros fano á boa fe. 16Estes, porque me queren e saben que eu estou posto para a defensa do Evanxeo; 17Aqueles anuncian a Cristo á retesía, con mala intención, coa idea de me faceren máis amolado o meu encadeamento. 18Pero que máis ten? O importante é que, dunha maneira ou da outra, con retranca ou sen ela, vaise anunciando a Cristo: e diso alégrome. Máis aínda: continuarei alegrándome, 19porque sei ben que, grazas ás vosas oracións e ó Espírito de Xesús Cristo que me patrocina, "todo me ha de ser para ben". 20Esta é a miña arela e a miña esperanza: que en nada vou saír fracasado, senón que, con toda seguridade, agora coma sempre, manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.
Esperanza de que o ceiben
21Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia. 22Ora, como vivir neste mundo me permite traballar con proveito, non sei o que escoller. 23As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor. 24Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo; 25e así coido que vou ficar e seguir onda vós, para axudar a que adiantedes alegres na fe, 26A fin de que o orgullo de serdes cristiáns reborde xa por causa miña, coa miña presenza outra vez cabo de vós.
A loita pola fe
27Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo, para que, tanto que vos vaia ver coma que quede lonxe, eu sinta falar de que vos mantedes firmes nun mesmo espírito e que, todos de acordo, loitades xuntos pola fe do Evanxeo, 28sen vos deixardes acovardar polos que vos fan a contra: cousa que para eles é un sinal de condenación e para vós é de salvación; e todo por obra de Deus. 29Porque a vós, por Cristo, concedéusevos o privilexio, non só de crerdes nel, senón tamén de padecerdes por El, 30enlizados como estades na mesma loita en que me vistes a min e na que agora sabedes de oídas que aínda ando metido.

Currently Selected:

Filipenses 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in