YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 22

22
Os convidados á voda (Lc 14, 15-24)
1E Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas:
2Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. 3Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
4Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles ós convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!" 5Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro ós seus negocios. 6Os demais botáronse ós criados, maltratáronos e matáronos.
7Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. 8E díxolles ós criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. 9Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
10Saíron ós camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
11Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda 12e díxolle: "Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: 13Entón o rei díxolles ós camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
14Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.
A contribución do César (Mc 12, 13-17; Lc 20, 20-26)
15Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito. 16E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
Mestre, sabemos que es sincero: que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. 17Dinos, logo, que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó Cesar ou non?
18Xesús, catando a malicia, contestoulles:
Por que me queredes comprometer, hipócritas? 19Mostrádeme a moeda do tributo.
Eles presentáronlle un denario. 20E el preguntoulles:
De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
21Contestáronlle:
Do César.
Entón replicoulles:
Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus.
22O oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.
Acerca da resurrección (Mc 12, 18-27; Lc 20, 27-38)
23Naquel día chegaron onda el uns saduceos, deses que din que non hai resurrección, 24e preguntáronlle:
Mestre, Moisés dixo: Se un morre sen deixar fillos, que o seu irmán case coa viúva, para lle dar descendencia ó irmán. 25Pois este era o caso de sete irmáns que había entre nós. O primeiro casou, pero como morreu sen fillos, deixoulle a muller ó seu irmán. 26O mesmo lle pasou ó segundo e mais ó terceiro. E así, ós sete. 27O cabo, morreu tamén a muller. 28Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, xa que estivo casada cos sete?
29Respondeulles Xesús:
Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus. 30Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo.
31E volvendo á resurrección dos mortos, non tendes lido o que vos deixou dito Deus: 32Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de Xacob? Ben, pois El non é Deus dos mortos, senón dos vivos.
33E a xente, ó escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina.
O principal mandamento (Mc 12, 28-34; Lc 10, 25-28)
34Os fariseos, ó se informaren de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; 35e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:
36Mestre, cal é o mandamento máis importante da Lei?
37El respondeulle:
"Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. 38Este é o mandamento primeiro e máis grande. 39O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. 40Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.
Fillo de David (Mc 12, 35-37; Lc 20, 41-44)
41Estando reunidos os fariseos, preguntoulles Xesús:
42Que pensades vós do Mesías?: de quen é fillo?
Eles responderon:
De David.
43El replicoulles:
Como é logo que David, movido polo Espírito, o chama Señor, dicindo:
44Díxolle o Señor ó meu Señor:
senta á miña dereita,
que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
45Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?
46E ninguén foi capaz de lle responder palabra; e desde aquel día ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Currently Selected:

Mateo 22: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in