YouVersion Logo
Search Icon

Lamentacións 3

3
Terceira lamentación
1(Alef) Eu son o home que probou a humillación, o pau da ira do Señor.
2Conduciume e fíxome camiñar na escuridade e non na luz.
3Si, volve e revolve todos os días contra min a súa man.
4(Bet) Consome a miña carne e a miña pel, rompe os meus ósos.
5Crea a miña ruína e asedia a capital e a súa altura.
6Faime morar nas tebras coma os mortos dos tempos pasados.
7(Guímel) Encérrame cun muro arredor e non podo saír, volve pesada a miña cabeza.
8Clamo en voz alta e pido axuda; El córtalle o paso á miña oración.
9Pecha o meu camiño con pelouros, volve intransitables as miñas corredoiras.
10(Dálet) El é para min o oso que axexa, o león nos escondedoiros,
11que dá voltas arredor dos meus camiños para esnaquizarme e volverme unha desolación.
12Tensa o seu arco e faime ser o branco das súas frechas.
13(He) Fai entrar nos meus riles os dardos da súa alxaba.
14Eu son a burla para todos os pobos, a súa copla de cada día.
15Fártame de amargura e emborráchame de asente.
16(Vau) Límame os dentes con croios, esmágame contra o chan.
17Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,
18e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".
19(Zain) Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.
20Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.
21Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:
22(Het) as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco
desapareceron as súas misericordias,
23pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.
24O Señor é o quiñón da miña herdanza —di o meu corazón—, por isto teño esperanza nel.
25(Tet) Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.
26É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.
27Élle bo ó home cargar co xugo desde a súa xuventude;
28(Iod) que se sinta só e que estea calado cando o ten que aguantar;
29que poña a súa boca no po: quizais haxa aínda esperanza!;
30que ofreza a meixela ó que lle bate e que se farte de oprobios.
31(Kaf) Certo, o Señor non se afasta para sempre (...);
32se aflixe, compadécese conforme á abundancia das súas bondades;
33non oprime de corazón nin aflixe os fillos do home.
34(Lámed) Cando un esmaga debaixo dos seus pés a todos os prisioneiros do país,
35cando se torcen os dereitos dun home ante a presenza do Altísimo,
36cando se lle prexudica a un home no seu xuízo, o Señor non o vai ver?
37(Mem) Quen é este que falou, e aconteceu? Non llo mandou o Señor?
38Non sae o mal e o ben da boca do Altísimo?
39De que se queixa o home? Da vida feliz? De que se queixa o home? Do castigo dos seus pecados?
40(Nun) Investiguemos o noso comportamento e examinémolo. Convertámonos ó Señor.
41Levantemos o noso corazón, non as palmas das nosas mans,
ó Deus que está no ceo.
42Nós pecamos e rebelámonos. Ti non nos perdoaches!
43(Sámek) Cubrícheste de ira e perseguíchesnos, mataches sen teres compaixón.
44Cubrícheste coa túa nube, para que non pasase a oración.
45Convértesnos en varredura e esterco, no medio dos pobos.
46(Pé) Todos os nosos inimigos abren as súas bocas contra nós.
47A nós tócanos o terror e o foxo, a destrución e a ruína.
48O meu ollo verte regueiros de bágoas pola ruína da filla do meu pobo.
49(Ain) Os meus ollos esbagullan, sen pararen, non teñen acougo,
50Ata que o Señor olle desde arriba e vexa desde o ceo.
51Os meus ollos quítanme a respiración por causa de todas as fillas da miña cidade.
52(Sade) Os meus inimigos cazáronme coma un paxariño, sen razón.
53Quixeron perder a miña vida no pozo, botaron dentro pedras contra min.
54Cubríronme de auga ata enriba da cabeza. Dixen: "Estou perdido".
55(Qof) Invoquei o teu Nome, Señor, desde o pozo do abismo.
56Ti escoitaches a miña voz; non tapaches o teu oído á miña liberación, ó meu clamor de auxilio.
57Acercácheste o día que eu clamaba a ti. Dixeches: "Non teñas medo".
58(Rex) Ti, Señor, defendiches a causa da miña existencia, redimiches a miña vida.
59Ollaches, Señor, a miña opresión, a miña sentencia foi ditada con xustiza.
60Viches toda a súa vinganza, todas as súas matinacións contra min.
61(Xin) Escoitaches, Señor, os seus insultos, todas as súas maquinacións contra min,
62os discursos dos meus adversarios e os seus complots contra min todos os días.
63Olla atentamente a súa conduta, que eu son a súa cántiga.
64(Tau) Devólvelles, Señor, o merecido conforme a obra das súas mans.
65Dálles a cegueira do corazón, que a túa maldición sexa para eles.
66Persígueos con ira e fainos desaparecer de debaixo do ceo, Señor.

Currently Selected:

Lamentacións 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in