YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 44

44
Derradeiro discurso oracular contra a idolatría practicada polos xudeus en Exipto
1Esta é a palabra que lle veu a Xeremías para todos os xudeus que vivían no país de Exipto, en Migdol, en Tafnes, en Nof, e no país de Patros:
2Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós ollastes toda a desgraza que trouxen sobre Xerusalén e sobre todas as cidades de Xudá: védeas aí hoxe: unha desolación e sen un habitante nelas. 3Por causa da maldade que cometeron, anoxándome a min, ó ir queimar incenso e dar culto a deuses alleos, ós que nin eles nin vós nin vosos pais coñeciades. 4Por isto eu, ben cedo e decote mandeivos os meus servos os profetas a dicirvos: "Por favor, non cometades estas abominacións que eu detesto". 5Pero nin fixeron caso nin prestaron atención para se arrepentiren da súa maldade deixando de queimar incenso a deuses alleos. 6Por isto a miña ira e mais o meu noxo vertéronse e abrasaron as cidades de Xudá e as rúas de Xerusalén, que se volveron unha morea de ruínas e unha desolación, tal coma hoxe están.
7Pois agora, así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Por que seguides facendo tan grande mal para vós mesmos, exterminando do medio de Xudá a homes e mulleres, a meniños e nenos de peito, para a vosa desgraza, de xeito que non vos quede nin resto? 8Moito me enfadan as obras das vosas mans, ó queimardes incenso a deuses alleos no país de Exipto, a onde viñestes vivir, acabando así convosco e converténdovos nunha fórmula de maldición e inxuria para todas as nacións da terra! 9Xa esquecestes as maldades dos vosos pais, as maldades dos reis de Xudá, as maldades dos príncipes de Xudá, as vosas maldades e as maldades das vosas mulleres: maldades cometidas no país de Xudá e nas rúas de Xerusalén, 10Ata o día de hoxe non sentiron arrepentimento nin respecto, nin se comportaron conforme as miñas leis nin os preceptos que eu promulguei na vosa presenza e na dos vosos devanceiros. 11Por iso, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Eu estou volvendo a miña cara irada contra vós para mal,
para exterminar a todo Xudá.
12Collerei ó resto de Xudá, que se decidiu a ir residir no país de Exipto,
e perecerán todos no país de Exipto;
caerán pola espada e coa fame,
perecerán desde o máis pequeno ó máis grande,
pola espada e coa fame morrerán,
e volveranse unha fórmula de imprecación, e unha desolación,
unha maldición, unha vergonza.
13Castigarei ós que viven no país de Exipto,
o mesmo que castiguei a Xerusalén coa espada, coa fame e coa peste.
14Non haberá sobrevivente nin escapado de entre o resto de Xudá
que veu para residir no país de Exipto,
e para logo volverse á terra de Xudá, onde eles arelan volver a vivir.
pero non volverán, a non ser algúns fuxidos.
Reacción do pobo polo discurso
15Todos os homes que sabían que as súas mulleres ofrecían incenso ós deuses alleos, e todas as mulleres que estaban presentes —unha grande asemblea—, e todo o pobo que vivía en Patrós, no país de Exipto, respondéronlle a Xeremías nestes termos:
16—Non queremos volver a escoitar de ti este oráculo,
que nos proclamaches no Nome do Señor.
17É ben certo que faremos todo o que prometemos coa nosa boca:
ofrecerlle incenso á Raíña do ceo,
e verterlle libacións,
como xa o fixemos nós e nosos pais, os nosos reis e as nosas autoridades,
nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén,
e entón fartabámonos de pan, estabamos felices e non viamos a desgraza.
18Pero desde que deixamos de ofrecer incenso
á Raíña do ceo e de lle verter libacións,
faltounos todo e morremos pola espada e de fame.
19Ben certo que nós lle ofrecemos incenso á Raíña do ceo e lle vertemos libacións.
Acaso lle fixemos bicas para representala ou vertemos libacións no seu honor sen o consentimento dos nosos homes?
Resposta do profeta ó pobo
20Entón Xeremías díxolle a todo o pobo, ós homes e ás mulleres e a todos os que lle responderan deste xeito:
21Acaso das ofrendas de incenso, que nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén ofrecestes vós e vosos pais, os vosos reis e as vosas autoridades, e os vosos terratenentes, non se acordou o Señor e non lle viñeron á súa cabeza? 22O Señor xa non puido soportar a maldade dos vosos feitos, as abominacións que cometestes, e por isto o voso país volveuse unha morea de ruínas, algo que dá medo e que se maldí por falta de habitantes, tal como está hoxe. 23Polo feito de que pecastes contra o Señor, ofrecendo incenso e non fixestes caso da voz do Señor e non vos comportastes conforme a súa lei, os seus preceptos e as súas prescricións, por isto aconteceuvos esta desgraza, tal coma hoxe.
24Entón Xeremías díxolle a todo o pobo e a todas as mulleres:
—Escoitade a palabra do Señor, todos os xudeus que estades no país de Exipto: 25Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós e mais as vosas mulleres, o que falades coa vosa boca
cumprídelo coas vosas mans, dicindo:
"Certo que temos que cumprir as nosas promesas
de ofrecer incenso á Raíña do ceo e de lle verter libacións".
De seguro que manteredes as vosas promesas,
de seguro que cumpriredes os vosos votos.
26Por isto escoitade a palabra do Señor todos os xudeus que vivides no país de Exipto: Xuro polo meu grande nome —dío o Señor— que non volverá a ser invocado o meu nome en todo o país de Exipto pola boca de ningún xudeu, dicindo: "Vive o meu Señor, Iavé". 27Sabede que eu estou en vela sobre vós para facervos mal e non ben. Todos os xudeus que están no país de Exipto perecerán pola espada e de fame ata o seu exterminio. 28Os escapados da espada, poucos en número, volveranse do país de Exipto ó país de Xudá e entón saberá todo o resto de Xudá que veu habitar no país de Exipto, se a palabra que se cumpre é a miña ou a deles. 29Tende para vós este sinal —é o Señor quen fala— que eu vos hei castigar neste lugar, para que saibades que de verdade que as miñas palabras contra vós se han cumprir para mal.
30Así fala o Señor: Eu entrego o Faraón Hofrá, rei de Exipto, no poder dos seus inimigos, no poder dos que buscan acabar coa súa vida, o mesmo que entreguei a Sedecías, rei de Xudá, no poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, o seu inimigo, que buscaba acabar coa súa vida.

Currently Selected:

Xeremías 44: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in