YouVersion Logo
Search Icon

Santiago 2

2
Distingos nas comunidades
1Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. 2Entra na vosa asemblea é un supoñer un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; 3se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", 4non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
5Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? 6Vós, en troques, abafastes o pobre. Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? 7Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? 8Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia da Escritura que di: "Amarás o teu próximo coma a ti mesmo". 9Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores. 10Porque quen garda toda a Lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos, 11pois o que dixo: "non fagas adulterio", tamén dixo: "non mates".
E, se non adulteras pero matas, xa non cumpres coa Lei. 12Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, 13pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.
A fe móstrase nos feitos
14Irmáns benqueridos, que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? Acaso o poderá salvar esa fe? 15Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, 16e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, que proveito levan? 17Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
18Pode dicir alguén: "ti tes a fe, eu teño os feitos". Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostrar a miña fe.
19Ti cres que só hai un Deus? Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.
20Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? 21Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, non si? 22Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? 23Así se cumpriu a Escritura que di: "Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación", de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. 24Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. 25O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? 26O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.

Currently Selected:

Santiago 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in