YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 5

5
Canción á viña do amigo do esposo
1Voulle cantar ó meu amigo a canción do meu amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
2Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
3E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
4Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
5Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
6Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e mais a silveira medrarán nela;
ós mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
7Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaí: berros de auxilio.
Serie de maldicións contra os grandes de Xudá
8Ai dos que xuntades unha casa e outra casa!
Ai dos que achegades un campo e outro campo de punta a punta,
para vivirdes vós sós no medio do país!
9Nos meus oídos resoa o xuramento do Señor dos Exércitos:
"As moitas casas volveranse unha ruína,
as grandes e boas quedarán sen dono que as habite!
10Si, cinco xugadas de viña darán tres olas,
Vinte e cinco ferrados de semente darán dous e medio!".
11Ai dos madrugadores que xa de mañanciña andan á procura do licor,
e dos retrasados ata alta noite, quentes polo viño!
12A lira e a arpa, o pandeiro e mais a gaita,
acompañan o viño das súas bebedeiras,
pero nas obras do Señor non se fixan,
non ollan para o que fan as mans do Señor.
13Por isto o meu pobo vai á catividade, por falta de siso:
a súa nobreza son homes con fame, a súa plebe está reseca coa sede.
14Si, o Xeol ensancha a súa gorxa e abre sen medida a súa boca,
a nobreza e mais a plebe destinadas ó Xeol baixarán a el,
ó Xeol baixarán o barullo e a ledicia.
15Así dobregarase o home e humillarase cada un,
abaixaranse os ollos dos soberbios,
16mentres o Señor dos Exércitos se enaltecerá co seu xuízo
o Deus Santo demostrará a santidade na súa sentencia.
17Aquí pastarán os años coma na seara
e nas ruínas comerán as ovellas cebadas.
18Ai dos que terman da iniquidade con trelas de ovella,
e do pecado con trelas de xovenca!
19Eles din: "Que se apure: faga logo a súa obra, para que a vexamos;
que chegue: veña o plan do Santo de Israel para que o coñezamos".
20Ai dos que lle chaman ó mal ben; e ó ben, mal;
dos que consideran as tebras luz; e a luz, tebra;
dos que consideran o amargo doce; e o doce, amargo!
21Ai dos que ós seus propios ollos son sabios;
e desde o seu punto de vista, intelixentes!
22Ai dos valentes para beber viño,
e dos resistentes en mesturar licores,
23dos que declaran ó culpable inocente por un regalo
e apartan do inocente a sentencia favorable!
24Como as linguas de lume devoran o restrollo
e a chama destrúe a pallugada,
así a súa raíz volverase podre,
e os seus abrollos voarán coma o coaño,
pois rexeitaron a instrución do Señor dos Exércitos
e desprezaron a palabra do Santo de Israel.
25Por isto arde a ira do Señor contra o seu pobo
e estende a súa man para bater nel.
Tremen os montes, e os seus cadáveres son carnaza no medio das rúas.
Pero con todo isto non acouga a súa ira
e a súa man segue aínda estendida.
Chamada profética ós asirios
26Desde lonxe érguelle unha bandeira a unha nación
e asubíalle desde unha esquina do mundo.
Velaí chega á présa e lixeira.
27Nese pobo non hai ninguén canso nin esmorecido,
ninguén adormece nin sonea.
Os cintos non se retiran de ningunha das cinturas dese pobo,
nin se deslean os amallós das súas sandalias.
Velaquí están coas súas frechas aguzadas e cos seus arcos tensos!
28As ferraduras dos seus cabalos son duras coma seixos,
e as ferraxes das súas rodas semellan unha treboada.
29Ruxidos hai nel coma de leóns, ruxidos como de leonciños.
Logo roxe e apreixa a presa, pona ben segura e non hai quen a salve.
30Aquel día o seu salvador ruxirá contra el,
sairá de debaixo da terra coma o bruído do mar.
Será angustiosa a escuridade: escurecerase a luz coas nubes do inferno.

Currently Selected:

Isaías 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in