YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 11

11
Oráculo do Emmanuel
1Sairá un xermolo do pé da árbore de Ixaí
e un gromo brotará da súa raíz.
2Descansará sobre el o Espírito do Señor,
espírito de sabedoría e discernimento,
espírito de consello e fortaleza,
espírito de ciencia e temor do Señor.
3Sentirá a súa compracencia no temor do Señor.
Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos,
nin sentenciará conforme as lerias dos seus oídos.
4Xulgará ó pobre conforme a xustiza,
e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación.
Castigará ó violento coa vara da súa boca,
e co espírito dos seus labios matará ó malvado.
5Será a xustiza o cinguideiro da súa cintura
e a fidelidade o cinguideiro do seu lombo.
6O lobo habitará co carneiro
e o leopardo deitarase co cabrito;
o becerro e o leonciño pacerán xuntos:
un meniño pequeno sacaraos ó pasto.
7A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías;
o león, o mesmo có boi, comerá palla.
8Un meniño de leite xogará no tobo da cobra,
e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.
9Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo:
o país estará cheo de coñecemento do Señor,
o mesmo que as augas enchen o mar.
Volta dos desterrados de Israel e Xudá trala bandeira mesiánica
10Sucederá o día aquel que a raíz de Ixaí estará ergueita de bandeira das nacións,os pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso.
11Sucederá o día aquel que volverá o meu Señor a levantar a súa man,
para redimir o resto do seu pobo, os poucos que quedaron de Asiria
(e de Exipto e de Patrós, de Cux e de Elam,
de Xinar, de Hamat e das illas do mar).
12Levantará a bandeira entre os pobos, xuntará os dispersados de Israel,
recollerá os esparexidos de Xudá das catro bandas do mundo.
13Cesará a envexa de Efraím, e Xudá deixará de oprimir;
Efraím xa non terá celos de Xudá, e Xudá xa non oprimirá a Efraím.
14Correrán cara ó mar ombreiro con ombreiro contra os filisteos;
xuntos saquearán ós pobos do nacente: Edom e Moab serán presa da súa man,
e os fillos de Amón estarán sometidos á súa obediencia.
15O Señor deixará seco o golfo do mar de Exipto,
e moverá a súa man contra o Éufrates;
co ardor do seu alento romperao en sete brazos,
e fará que se poida pasar con sandalias.
16Haberá unha calzada para o resto do seu pobo, para os que quedaron en Asiria,
o mesmo que a houbo para Israel, o día que subiu do país de Exipto.

Currently Selected:

Isaías 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in