YouVersion Logo
Search Icon

Hebreos 6

6
1Por iso, deixando as primeiras nocións acerca de Cristo, pasemos xa ós conceptos que son propios dos adultos, sen volvermos botar os alicerces doutrinais: o arrepentimento das obras mortas, a fe en Deus, 2o ensino acerca dos baños sacros e mais da imposición de mans, a resurrección dos mortos e o xuízo final. 3Isto xustamente faremos, se Deus o permite.
4Porque os que unha vez foron iluminados, os que lle colleron gusto ó don celestial e tiveron parte no Espírito Santo que se lles deu; 5os que probaron o saborosa que é a palabra de Deus e mais os poderes do mundo que virá; 6estes, se apostatan, é imposible que se renoven co arrepentimento, xa que polo que a eles toca seguen crucificando o Fillo de Deus e escarnecéndoo publicamente.
7Pásalles igual ca unha terra que se enchoupa con chuvias frecuentes e que lles dá unha boa herba ós que a traballan: recibe parte da bendición que Deus manda; 8pero, se non bota máis ca espiños e cardos, entón non serve: está a piques de ser maldita e acabará na queima.
9Pero, aínda que falamos así, meus amigos, polo que a vós toca, estamos convencidos do mellor e do que leva á salvación; 10pois Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo e o amor que lle mostrabades cando serviades (e seguides aínda servindo) o seu pobo santo por mor del. 11Pero, con todo, nós queremos que cada un de vós demostre o mesmo ardor en levar a súa esperanza ata a fartura final, 12de xeito que non sexades nugalláns, senón que imitedes ós que, con fe e paciencia, son herdeiros das promesas.
Promesa e xuramento de Deus
13Porque cando Deus fixo a promesa a Abraham, en vistas de que non tiña outro máis grande por quen xurar, 14xurou por si dicindo: "Abofé, heite bendicir con abundancia e heite aumentar sen taxa". 15E deste xeito Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa.
16Os homes xuran sempre por quen é superior a eles; e o xuramento, por ser unha garantía, marca a fin de calquera litixio. 17Por iso, xa que Deus lles quería demostrar ben ás claras ós herdeiros da promesa o inmutable que era a súa decisión, comprometeuse con xuramento. 18Deste xeito, por dous feitos inmutables de Deus, nos que é imposible que minta, temos unha forte consolación os que buscamos agarimo en podermos apreixar os bens prometidos que esperamos. 19Estes bens son para nós coma unha áncora de salvación, segura e firme, que penetra ata o outro lado do veo: 20Ata onde, para o noso ben, penetrou Xesús, coma adiantado, unha vez constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec.

Currently Selected:

Hebreos 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in