YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 24

24
Anuncio do asedio de Xerusalén: a ola enferruxada
1O ano nove do mes décimo, o dez deste mes, veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, escribe ti mesmo a data de hoxe, a data deste preciso día. Neste preciso día o rei de Babilonia atacou Xerusalén. 3Proponlle á Casa Rebelde unha parábola, dicíndolles:
Así fala o meu Señor, Iavé:
Pon, pon no fogón unha ola,
e bótalle dentro auga;
4bota nela os anacos de carne,
todas as talladas mellores,
pernil e solombo.
Énchea dos mellores ósos.
5Colle o mellor do rabaño.
Que un feixe de ósos debaixo dela
fagan ferver o seu cocido!
Que cozan os ósos que ten dentro!
6Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:
—Ai da cidade lixada de sangue!
Ai da ola emporcallada e enferruxada,
da que non sae a ferruxe!
Que a baleiren tallada a tallada,
pois non houbo sorte con ela!
7O seu sangue está no medio dela;
púxoo sobre un penedo pelado,
non o verteu na terra,
para que o po o tape.
8Para aumentar o meu noxo
para tomar a miña vinganza,
deixeina poñer o seu sangue sobre un penedo pelado,
para que non se cubra.
9Por isto así fala o meu Señor, Iavé:
—Ai da cidade lixada de sangue!
Eu mesmo farei máis grande a rima de leña,
aumentarei a leña,
10prenderei o lume e farei que se consuma a carne,
botareille graxas recendentes
e queimaranse os ósos.
11Logo poñerei a ola baleira sobre as brasas
para que o seu bronce se requeime
e se poña relucente;
e derreterase a porcallada que ten dentro,
consumiráselle a súa ferruxe.
12Aínda que multiplicase os meus traballos,
non lle sairía a súa moita ferruxe,
nin con lume sairía a ferruxe.
13Na túa impureza hai lascivia;
por máis que te limpei,
ti non quedaches limpa da túa impureza,
e non volverás estar limpa
ata que esgote contra ti a miña ira.
14Eu, o Señor, dixen:
Chega a miña ira, e fareino,
non o descoidarei,
non me apiadarei, nin me compadecerei;
serás xulgada conforme o teu comportamento
e conforme as túas accións
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
15Veume a palabra do Señor nestes termos:
16—Fillo de Adam, velaí, vouche arrebatar de repente
a alegría dos teus ollos.
Non fagas dó nin chores
e que non che veñan as bágoas.
17Quéixate en silencio pola túa morta,
non fagas dó;
cingue o teu turbante
e calza nos pés as túas sandalias;
non cubras a barba
nin comas pan doutros homes.
18Pola mañá faleille ó pobo,
e polo serán morreu a miña muller
e á mañá seguinte
fixen tal como se me mandou.
19Entón díxome a xente:
—Acaso non nos vas mostrar
que queren dicir estas cousas?
Que é o que estás facendo?
20Logo, díxenlles:
—Veume a palabra do Señor nestes termos:
21Dille á Casa de Israel: isto di o meu Señor, Iavé:
—Sabede que eu vou profanar o meu santuario,
o orgullo da vosa cidadela,
a alegría dos vosos ollos,
e instrumento de expiación polas vosas vidas.
Os fillos e as fillas que deixastes
caerán pola espada.
22Entón faredes tal como eu fixen:
Non taparedes a barba
nin comeredes pan doutros homes.
23Seguiredes cos turbantes nas vosas cabezas
e coas sandalias nos vosos pés;
non faredes dó nin choraredes,
consumirédesvos por culpa das vosas iniquidades,
e lamentarédesvos cada un polo seu irmán.
24E cando isto veña,
Ezequiel serviravos de sinal admirable:
faredes todo tal coma el fixo
e recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé.
25E ti, fillo de Adam,
o día que eu lles arrebate a súa fortaleza,
a alegría da súa gloria,
a ledicia dos seus ollos,
e o rexurdir das súas vidas,
os seus fillos e as súas fillas,
26o día aquel
irá onda ti o que puido fuxir,
para traer a noticia ós teus oídos.
27E o día aquel a túa lingua soltarase
e falarás co fuxitivo;
non volverás estar mudo,
senón que serás para eles un sinal admirable.
Recoñecerán que eu son o Señor.

Currently Selected:

Ezequiel 24: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in