Bible App logo
Search Icon

Qohélet (Eclesiastés) 10

10
XIII. Tolemia e Necidade
1"Unha mosca morta fai feder un perfume de marca", e un pouco de Tolemia custa máis caro có saber e a gloria.
2"Se o Sabio dirixe a mente para a dereita o Tolo faino para a esquerda".
3Por onde queira que camiñe o Parvo, fáltalle siso: vai proclamando a todo o mundo que está tolo.
4Se a xenreira do que manda se dirixe contra ti, non deixes o teu posto, xa que: "A mansedume sanda grandes erros".
Ineptos, no poder
5Vin que hai un mal baixo o sol, unha especie de falta que ten orixe no soberano:
6Un inepto posto en altos cargos, mentres que os aptos e capaces sentan por debaixo.
7Vin servos de a cabalo e principais camiñando coma servos pola terra.
Tamén o ben pode traer males
8"O que cava unha foxa, pode caer nela
e quen derruba un muro pode ser mordido pola cobra".
9"Quen pica pedras pódese ferir con elas,
quen parte leña pódese mancar con ela".
10"Cando o ferro se embota (por non lle afiar o gume),
cómpre facer máis forza",
mais é unha vantaxe empregar ben a habilidade.
Distintos falares
11"Cando a serpe pica antes do esconxuro, de nada vale o esconxurador".
12"As verbas da boca do Sabio son axeitadas, os labios do Tolo son os que o perden"; 13o seu exordio xa é unha parvada e a súa peroración, un fatal desvarío, 14e conste que o Tolo fala abondo.
Con todo, o home non sabe o que vai suceder, e quen lle contará o que virá despois del?
15Cando por fin ficará canso o Tolo no seu esforzo se nin sequera dá co camiño para a vila?
Crítica ós gobernantes
16Ai de ti, terra onde o rei é un monifate, e onde os ministros amencen entre enchedelas!
17Benia ti, terra na que o rei é un notable, e onde os ministros xantan ás súas horas!, barís, non bébedos.
Temas varios
18"Por neglixencias afúndense as trabes do teito, por mans nugallás pinga toda a casa".
19Para folgar fanse os banquetes, e o viño aleda a vida, e o diñeiro concede todo.
20Non renegues do rei nin en pensamento! Non fales mal do rico nin na alcoba! Pois ata os paxaros do ceo lle irán co conto, e mesmo os seres alados rexouban.

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in