YouVersion Logo
Search Icon

2 Pedro 3

3
A VOLTA DO SEÑOR Á FIN DO TEMPO
Aínda que se demore, a Parusía chegará
1Meus amigos, esta xa é a segunda carta que vos escribo; nas dúas quero avivecer o voso espírito sincero cun testamento espiritual, 2para que vos acorden as palabras que en tempos dixeron os santos profetas e o mandamento do Señor e Salvador, que vos transmitiron os vosos apóstolos.
3Antes de nada, tede presente que nos derradeiros días virán uns que farán riso de todo e que se comportarán segundo os seus propios antollos. 4Estes dirán: "Que queda da promesa da súa volta? Pois desde que morreron os nosos pais, todo segue igual que estaba desde o principio do mundo". 5Pero así esquécense adrede de que o ceo existe desde antigo e de que, pola palabra de Deus, a terra se formou da auga e subsiste mediante a auga. 6E por isto o mundo de entón pereceu alagado na auga. 7En canto ó ceo e mais á terra actuais, a mesma palabra os ten reservados para o lume e gárdaos para o día do xuízo e da perdición dos impíos.
Sentido desta demora e conseguintes esixencias de santidade no cristián
8Meus amigos, que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día. 9Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren. 10Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as obras que hai nela nin se atoparán.
11Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir 12mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus! Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter. 13Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.
Derradeiras recomendacións
14Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto. 15Tede por seguro que a paciencia do noso Señor é sinal de salvación, como xa o noso benquerido irmán Paulo volo escribiu co saber que Deus lle deu. 16El fala diso en todas as cartas. Aínda que nelas hai algunhas cousas difíciles de entender, que a xente ignorante e pouco firme interpretan retortamente para a súa propia ruína, como fan co resto das Escrituras.
17Polo tanto vós, meus amigos, ben avisados, estade en vela, para non perderdes a vosa firmeza, arrastrados polo erro de xente sen conciencia. 18Non; vós crecede na graza e no coñecemento do noso Señor e Salvador, Xesús Cristo. A el sexa a gloria, agora e deica o día eterno.
Amén.

Currently Selected:

2 Pedro 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in