YouVersion Logo
Search Icon

1 Pedro 2

2
O sacerdocio dos cristiáns
1Así que, espídevos de toda maldade, de toda mesquindade e finximento, da envexa e de falar mal dos outros. 2Coma nenos que acaban de nacer, ansiade o leite puro, o espiritual, que recibistes no bautismo, para medrardes con el en orde á salvación, 3xa que probastes o bo que é o Señor.
4Ó achegárdevos ó Señor, pedra vivificadora de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada ós ollos de Deus, 5sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. 6Por iso lese na Escritura:
Ollade que eu poño en Sión unha pedra
angular, escollida e digna de honra,
de xeito que quen fíe nela, non levará desengano.
7A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é
a pedra que refugaron os canteiros
e que se converteu en esquinal
8e aínda máis:
en pedra onde se tropeza,
en couce onde un se esnafra.
Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
9Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.
10Vós, os que antes non erades pobo,
agora sodes o pobo de Deus;
ninguén se compadecía de vós,
pero agora atopastes quen se compadeza de vós.
DIVERSOS CONSELLOS
Consellos ó pobo de Deus que vive entre pagáns
11Meus amigos, recoméndovos que, coma forasteiros e emigrantes que sodes, vos manteñades lonxe dos baixos desexos que loitan contra nós. 12Entre os pagáns mantede un comportamento honrado, para que, aínda que vos calumnien polo voso comportamento coma malfeitores, ó veren as vosas obras boas, acaben por dar gloria a Deus, o día que El os visite.
13Sometédevos ante toda institución humana por mor do Señor, ora sexa o emperador, coma soberano que é, 14ou os gobernadores, coma delegados seus, para castigar os malfeitores e premiar ós que fan o que está ben. 15Porque isto é o que Deus quere: que portándovos ben, lle tapedes a boca á ignorancia dos estúpidos. 16Isto facédeo coma xente libre de verdade e non coma quen toma a liberdade para tapar a ruindade, senón coma servidores de Deus. 17Tede consideración con todo o mundo, querede ben ós irmáns, respectade a Deus, honrade o emperador.
Consellos para a vida en familia: os criados
18Os criados sometédevos ós vosos amos con todo o respecto; non só ós que son bos e comprensivos, senón tamén ós que son tortos, 19pois o mérito está en que un, dándose conta de que Deus o quere, ature mágoas inxustamente sufridas. 20Porque que mérito ten que aguantedes que vos enchan de labazadas por vos portardes mal? Pero, se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso ós ollos de Deus.
21De feito chamouvos Deus para isto,
porque tamén Cristo sufriu por vós,
deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.
22El, que non fixo pecado,
nin engano se atopou na súa boca,
23cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes;
mentres sufría, non ameazaba,
senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.
24No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz,
para que nós, mortos ó pecado, vivamos para a xustiza:
curáronnos as súas chagas.
25Erades coma ovellas extraviadas,
pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor.

Currently Selected:

1 Pedro 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in