YouVersion Logo
Search Icon

1 Xoán 2

2
1Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador. 2El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo.
Segundo criterio: cumprir cos mandamentos, maiormente o do amor
3Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. 4O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada. 5Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ó máximo; nisto é onde coñecemos que estamos con El. 6Quen di que permanece en comuñón con El, ten que comportarse como Xesús se comportou.
7Meus amigos, non vos comunico un mandamento novo senón un mandamento antigo, que xa tiñades desde o comezo: este mandamento antigo é a Palabra que daquela escoitastes. 8E, con todo, comunícovos un mandamento novo: esta novidade é verdadeira sexa polo que a Xesús toca, sexa polo que vos toca a vós, porque a escuridade vai desaparecendo e brilla xa a luz verdadeira.
9Quen di que está na Luz, pero odia a seu irmán, aínda está na escuridade.
10Quen ama a seu irmán, está na Luz e nel non hai nada que o faga tropezar.
11En troques, quen odia a seu irmán, está na escuridade e camiña na escuridade e, por isto, non sabe a onde vai, porque a escuridade lle cegou os ollos.
A verdadeira comuñón con Deus
12Dígovos, meus fillos,
que os vosos pecados están perdoados por mor do seu nome.
13Dígovos, pais,
que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo.
Dígovos, mozos,
que vós vencestes o Maligno.
14Díxenvos, por tanto, meus filliños,
que vós tedes o coñecemento do Pai.
Díxenvos, por tanto, pais.
que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo.
Díxenvos, por tanto, mozos,
que vós sodes valentes,
que a Palabra de Deus está dentro de vós,
e que por isto vencestes o Maligno.
15Non lle queirades ben ó mundo nin ó que hai nel. O amor do Pai non pode estar en quen lle queira ben ó mundo. 16Porque todo o que hai no mundo as inclinacións ó mal, os ollos que endexamais nunca se enchen e o orgullo que dá ter moitos cartos non vén do Pai, senón que vén do mundo. 17Porque o mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre.
18Meus fillos, estamos na hora derradeira. Conforme oístes, tiña que vir o Anticristo; ollade que xa están aquí moitos anticristos; por isto sabemos que estamos na hora derradeira. 19Os anticristos saíron dos nosos, aínda que eles non eran dos nosos; se fosen dos nosos habían quedar connosco; pero non, eles saíron para deixar ver que non todos son dos nosos.
20Vós, en troques, recibistes do Santo unha unción e todos vós tedes o coñecemento. 21Decidinme a escribirvos, non porque non coñezades a verdade senón xustamente porque xa a coñecedes e porque da verdade non saen mentiras.
22Quen é o mentireiro, senón o que nega que Xesús é o Mesías? Ese tal é o Anticristo, porque nega ó Pai e ó Fillo. 23Quen nega ó Fillo, xa non ten comuñón co Pai; e quen profesa a súa fe no Fillo, tamén ten comuñón co Pai.
24Respecto a vós, ó contrario: que vos quede dentro o que aprendestes desde o comezo. Se o que aprendestes desde o comezo vos queda dentro, tamén vós permaneceredes no Fillo e no Pai, 25xa que esta é xustamente a promesa que o Fillo nos fixo: a vida eterna.
26Ben. Dos que vos queren descamiñar, xa chega co dito. 27Ademais, vós conservades dentro a unción que recibistes de Cristo e deste xeito non precisades que ninguén vos faga de mestre; porque a unción de Cristo que é unha realidade e non unha ilusión xa vos ensina todo. Permanecede nel como ela vos ensinou.
28Pois logo, meus fillos, seguide en comuñón con el, para que cando se nos manifeste o día que volva, teñamos unha seguridade confiada e non nos sintamos fracasados lonxe del.
Terceiro criterio: practicar a xustiza é propio dos fillos
29Xa sabedes que Cristo é xustificador; tirade, logo, de aquí a consecuencia: que todo aquel que fai o que é xusto, é fillo del.

Currently Selected:

1 Xoán 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in