Chapa ya Youversion
Ikoni ya Utafutaji

Feitos 10

10
O Espírito abre as portas da Igrexa ós pagáns: conversión de Cornelio
1Había en Cesarea un home chamado Cornelio, capitán da compañía chamada italiana. 2Era piadoso e seguidor da relixión xudía, así como todos os da súa casa. Dáballe moitas esmolas ó pobo e decote oraba a Deus.
3A iso das tres da tarde, tivo unha visión e viu claramente o anxo do Señor entrar cabo del e dicirlle:
Cornelio!
4Cheo de medo, e mirando fixo para el, respondeu:
Que é, Señor?
O anxo respondeulle:
As túas oracións e as túas esmolas subiron diante de Deus e tenas presentes; 5manda, logo, uns homes a Iope e manda chamar por un certo Simón, tamén chamado Pedro. 6Está parando en cas dun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar.
7Cando marchou o anxo, chamou a dous criados e un soldado piadoso dos que lle eran máis fieis, 8contoulles todo e mandounos a Iope.
9Para o outro día, indo eles de camiño e xa cerca da cidade, subiu Pedro á azotea a orar. Era polo mediodía, 10e sentindo fame quixo tomar algo. Mentres llo preparaban, tivo unha éxtase: 11viu o ceo aberto e como un gran lenzo, que, pendurado polas catro puntas, baixaba cara á terra. 12Había nel toda clase de cuadrúpedes e réptiles da terra e de todos os paxaros do ceo. 13Unha voz díxolle:
Érguete, Pedro, mata e come!
14Mais Pedro respondeu:
De ningunha maneira, Señor, porque nunca comín cousa impura ou profana.
15De novo, por segunda vez, chegoulle unha voz:
O que Deus purificou non o chames ti profano.
16Isto sucedeu por tres veces, e, de súpeto, aquel obxecto volveuse para o ceo. 17Estaba Pedro moi sorprendido cavilando que quería dicir aquela visión que tivera, cando os homes mandados por Cornelio, ó acertaren coa casa de Simón, presentáronse na porta 18e, dando un berro, preguntaron se paraba alí Simón, o chamado Pedro.
19Estando Pedro matinando na visión, díxolle o Espírito:
Hai aí uns homes que te buscan; 20baixa e vaite con eles sen escrúpulos, porque os mandei eu.
21Pedro baixou ó encontro deles e díxolles:
Son eu o que buscades, que é o que vos trae?
22Eles responderon:
O capitán Cornelio, home cabal e adepto ó xudaísmo, moi estimado por toda a nación xudía, recibiu aviso dun santo anxo para que te mandase chamar á súa casa e que te escoitase.
23Entón Pedro fíxoos entrar e deulles pousada. Para o outro día levantouse e marchou con eles, acompañado por algúns irmáns de Iope, 24e chegou a Cesarea ó outro día. Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando.
25Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle os pés, prostrouse. 26Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
Érguete, que eu tamén son un home.
27E, falando con el, entrou. Encontrou moita xente xunta 28e díxolles:
Vós sabedes que non se lle permite a un xudeu ter trato cun estranxeiro ou entrar na súa casa; pero Deus ensinoume que non se debe chamar profano ou impuro a home ningún. 29Por iso, ó me chamardes, vin sen reparos. E pregúntovos, logo: "por que me mandastes chamar?".
30Respondeulle Cornelio:
Hai catro días, ás tres da tarde, estaba eu rezando na miña casa, cando se presentou un home con vestiduras brancas que relucían 31e dixo: "Cornelio, a túa oración escoitouse, e as túas esmolas recórdanse diante de Deus; 32manda, logo, uns homes a Iope, e manda buscar un tal Simón, tamén chamado Pedro, que para en cas Simón o curtidor, a rentes do mar". 33Mandeiche recado de contado e tiveches a amabilidade de vir. Agora, todos nós estamos na presenza de Deus para oírmos todo o que o Señor che mandou.
34Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, 35senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. 36El mandoulles -la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. 37Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: 38como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 39E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. 40A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, 41non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. 42E mandounos que predicásemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. 43El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.
44Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra. 45Todos os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro, ó veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, 46pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus. Entón Pedro dixo:
47Pode alguén negarlle a auga do bautismo ós que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
48E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días.

Iliyochaguliwa sasa

Feitos 10: ABGS

Kuonyesha

Nakili

Linganisha

Shirikisha

None

Je, ungependa vivutio vyako vihifadhiwe kwenye vifaa vyako vyote? Jisajili au ingia