YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 2

2
Adoración dos magos
1Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
2Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
3Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. 4Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. 5Eles responderon:
En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
6E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
7Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. 8Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
9Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. 10Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
11E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. 12Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.
Exilio en Exipto e matanza dos inocentes
13En canto se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
14Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. 15Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.
16Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra. 17Daquela cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
18Oíuse un berro en Ramah,
choros e moito lamento:
é Raquel que chora polos seus fillos,
e non se quere consolar porque xa non existen.
Volta para Nazaret
19En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto 20e díxolle:
Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
21Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. 22Pero, ó saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, 23indo vivir a unha vila chamada Nazaret. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.

Currently Selected:

Mateo 2: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy