Logotipo da YouVersion
Ícone de Pesquisa

Apocalipse 7

7
Marcan os fieis cun sinal
1Despois disto vin catro anxos que apreixaban, nas catro esquinas da terra, os catro ventos, para que non bourasen contra a terra, nin contra o mar nin contra as árbores. 2E vin outro anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a berros ós catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar: 3"Non lles fagades mal á terra nin ó mar nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!". 4E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as tribos dos fillos de Israel.
5Da tribo de Xudá, doce mil marcados,
da tribo de Rubén, doce mil marcados,
da tribo de Gad, doce mil marcados,
6da tribo de Axer, doce mil marcados,
da tribo de Naftalí, doce mil marcados,
da tribo de Menaxés, doce mil marcados,
7da tribo de Simeón, doce mil marcados,
da tribo de Leví, doce mil marcados,
da tribo de Isacar, doce mil marcados,
8da tribo de Zebulón, doce mil marcados,
da tribo de Xosé, doce mil marcados,
da tribo de Benxamín, doce mil marcados.
Cantos de vitoria a Deus e sorte dos seus fieis
9Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. 10Proclamaban con grande voz:
"A salvación perténcelle ó noso Deus,
que senta no trono, e mais ó Año".
11Todos os anxos que estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, prostráronse diante do trono para adoraren a Deus. 12Proclamaban:
"Amén! A bendición, a gloria, a sabedoría,
a acción de grazas, a honra,
o poder e mais a forza perténcenlle ó noso Deus,
polos séculos dos séculos. Amén".
13Un dos anciáns preguntoume: "Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?" 14Eu respondinlle: "Meu Señor, ti xa o sabes". E díxome: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
15Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
16Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
17Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

Atualmente Selecionado:

Apocalipse 7: ABGS

Destaque

Copiar

Comparar

Compartilhar

None

Quer salvar seus destaques em todos os seus dispositivos? Cadastre-se ou faça o login