Apocalipse 14
14
O Año e os mártires no monte Sión
1Logo tiven unha visión. O Año estaba de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mais o nome do seu Pai. 2E oín unha voz desde o ceo coma o bruído dunha gran tormenta de auga e tronos; a voz que oín semellaba a duns arpistas, floreando nas súas arpas. 3Cantaban un cántico novo diante do trono e mais diante dos catro animais e dos anciáns. E ninguén podía aprender o seu canto, fóra dos cento corenta e catro mil, os que foran rescatados da terra. 4Estes son os que non se lixaron con mulleres, os que son virxes. Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, coma ofrenda de primicias para Deus e para o Año. 5E na boca deles endexamais non se atopou mentira: son inmaculados.
Tres anxos anuncian a vitoria en tres visións
6E vin outro anxo voando polo medio do ceo: levaba unha boa nova eterna para pregoárllela ós habitantes da terra, a todas as nacións, razas, linguas e pobos. 7Dicía a berros: "Respectade a Deus, dádelle gloria! Porque xa chegou a hora do seu xuízo; e adorade o Creador do ceo e da terra, do mar e das fontes das augas".
8E outro anxo, o segundo, viña despois dicindo: "Caeu, caeu a grande Babilonia!, que ten borrachas a todas as nacións co viño do furor das súas fornicacións".
9E outro anxo, o terceiro, viña detrás deles, dicindo a berros: "Se alguén adora a besta ou a súa imaxe e recibe o sinal dela na súa fronte ou na súa man, 10este tal beberá do viño da ira de Deus: viño puro, vertido na cunca da súa ira, e será atormentado con lume e xofre na presenza dos santos anxos e do Año. 11O fume que os atormenta sobe polos séculos dos séculos e os adoradores da besta e mais da súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome, non teñen acougo nin de día nin de noite.
12Aquí está a esperanza dos santos, dos que observan os mandamentos de Deus e gardan a fe de Xesús".
13E oín unha voz do ceo que me dicía: "Escribe: Benia os mortos que, de agora en diante, morran no Señor. Si di o Espírito, que descansen das súas fatigas, porque as súas obras van con eles".
Visión anticipada do xuízo de Deus
14Logo tiven unha visión. Apareceu unha nube branca, e sobre a nube un cabaleiro semellante a un Fillo de home, cunha coroa de ouro na cabeza e na man unha fouce ben afiada. 15Outro anxo saíu do santuario, berrándolle con fortes berros ó cabaleiro da nube: "Agarra a túa fouce e sega que xa chegou o tempo da seitura: a colleita da terra xa está seca". 16O cabaleiro da nube botou a súa fouce no mundo e fíxose a seitura.
17Logo outro anxo saíu do santuario celeste, tamén el cunha fouce ben afiada. 18Despois de onda o altar saíu outro anxo, o que tiña poder sobre o lume, e chamou a berros ó que tiña a fouce ben afiada e díxolle: "Mete a túa fouce ben afiada e vendima os acios da viña da terra, porque os bagos están maduros de máis". 19E meteu o anxo a súa fouce na viña do mundo e vendimouna e botou os acios na moxega grande da ira de Deus. 20E pisouse a moxega fóra da cidade e saíu sangue da moxega ata os freos dos cabalos, sesenta leguas arredor.
Atualmente Selecionado:
Apocalipse 14: ABGS
Destaque
Copiar
Comparar
Compartilhar
Quer salvar seus destaques em todos os seus dispositivos? Cadastre-se ou faça o login
Dereitos reservados: SEPT