Gálatas 2
2
Porque as autoridades de Xerusalén aproban o que predica
1Andando o tempo, á volta de catorce anos, subín outra vez a Xerusalén con Bernabé, levando tamén comigo a Tito. 2Deume a alma que tiña que ir alá. Daquela, a porta pechada, sometín o Evanxeo que vos predico ós non xudeus, ó xuízo dos que eran algo: non fose que estivese correndo ou tivese corrido ás toas. 3Mais nin tan sequera apremaron a Tito, que ía na miña compaña e que era grego, para que se fixese circuncidar: 4A pesar dos falsos irmáns que solermiñamente se viñeron meter polo medio, para fiscalizaren a liberdade que nós temos en Cristo Xesús e para nos aferrollaren. 5Pois ben, para que esteades seguros na verdade, non lles baixamos as orellas nin un instante.
6E dos que tiñan autoridade... (a min non me fai diferenza o que foron noutros tempos, que Deus non ten ningún aquel polo prestixio do home), pois tampouco eses que eran algo non me impuxeron cousa ningunha. 7Moi polo contrario, cando viron que a min se me encomendara a evanxelización dos non circuncidados, coma a Pedro a dos circuncidados 8(pois o que capacitou a Pedro para apóstolo dos circuncidados tamén me capacitou a min para apóstolo dos non xudeus), 9e cando recoñeceron a graza que se me concedera, van Santiago, Pedro e mais Xoán (os piares coma quen di) e déronnos a man a min e mais a Bernabé coma sinal de solidariedade. De xeito que evanxelizarvos ós non xudeus correse pola nosa conta; e evanxelizar ós circuncidados, pola deles. 10Soamente nos mandaron que mirásemos polos pobres: cousa na que sempre eu procurei cargar a man.
Porque defendeu a súa doutrina, mesmo fronte a Pedro
11Mais, cando Pedro veu a Antioquía, arrepúxenme a el na súa mesma cara, porque o merecera. 12Si, porque antes de chegaren uns poucos mandados de Santiago, Pedro comía cos non xudeus. Ah, mais nisto chegan os propios e el arredábase e poñíase á parte, por medo dos circuncidados. 13E os outros xudeus empezaron a aparentar coma el; tanto que o mesmo Bernabé se me deixou arrastrar naquela comedia.
14Así que cando vin que, conforme a enxebreza do Evanxeo, xa non camiñaban como é debido, díxenlle a Pedro á vista de todo o mundo: "Se ti, con seres xudeu, vives coma se non foses, como é que lles fas seguir os costumes xudaicos ós que non son xudeus?" 15Nós somos de berce xudeu e non pecadores de devanceiros pagáns: 16Así e todo, como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós á fe en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se ha xustificar ninguén.
17Ben, pero se nós, que andamos procurando ser xustificados en Cristo, nos atopamos aínda pecadores, será Cristo un criado ó servizo do pecado...?
Ca! 18Se despois de facer vir abaixo unha cousa me poño a recompoñela, estoume a confesar culpable. 19Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo 20e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min. E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min. 21Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.
Atualmente Selecionado:
Gálatas 2: ABGS
Destaque
Copiar
Comparar
Compartilhar
Quer salvar seus destaques em todos os seus dispositivos? Cadastre-se ou faça o login
Dereitos reservados: SEPT