Logotipo da YouVersion
Ícone de Pesquisa

1 Pedro 1

1
Saúdo
1Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, ós emigrantes espallados polas provincias do Ponto, Galacia, Capadocia, Asia e Bitinia, 2ós que xa Deus Pai tiña escollidos e a quen santificou co Espírito para obedeceren a Xesús Cristo e para asperxelos co seu sangue. Para vós graza e paz con toda abundancia!
PRIMEIRA PARTE: ESIXENCIAS DO BAUTISMO
Loanza a Deus por renacer cristiáns
3Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte
e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,
4A unha herdanza que non se corrompe
nin se afea
nin murcha,
predestinada por Deus para vós;
5grazas á fe que vós tedes,
estades protexidos polo poder de Deus
en vistas á salvación
que está para se manifestar, no intre final.
6Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. 7Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. 8A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, 9porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.
10Sobre esta salvación meditaron e pescudaron algúns profetas, que profetizaron acerca da graza que se vos concedeu. 11Pescudaron eles a data e as circunstancias ás que o Espírito de Cristo, presente neles, se quería referir, cando lles predicía os sufrimentos reservados a Cristo e as glorias que virían despois. 12Revelóuselles que non eran ministros destes misterios proféticos para proveito deles senón para o voso; misterios proféticos, que nesta era vos anunciaron os que vos evanxelizaron movidos polo Espírito Santo mandado desde o ceo; cousa esta que os mesmos anxos desexan achegarse a ollar.
Ser santos, a imitación de Deus
13Por iso, preparados espiritualmente para a vosa peregrinación e vivindo con sobriedade, poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo. 14Coma fillos obedientes, non vos axeitedes ós desexos de antes, cando viviades na ignorancia, 15senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia, 16porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo.
17E aínda que lle podedes chamar Pai ó que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar. 18Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; 19senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha. 20El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. 21Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.
O amor, esixencia do anuncio cristián
22Xa que a purificación do voso interior coa aceptación da Verdade, vos levou a querervos sinceramente coma irmáns, querédevos ben uns ós outros, de corazón e con constancia. 23Porque volvestes nacer, non dunha semente perecedoira, senón dunha imperecedoira: volvestes nacer por medio da Palabra vivificadora e permanente de Deus. 24Porque
todo mortal é coma unha herba,
e toda a súa beleza coma a flor dunha herba:
secou a herba
e caeu a flor.
25En troques, a palabra do Señor permanece para sempre.
Ora, esa é a palabra con que vos evanxelizaron.

Atualmente Selecionado:

1 Pedro 1: ABGS

Destaque

Copiar

Comparar

Compartilhar

None

Quer salvar seus destaques em todos os seus dispositivos? Cadastre-se ou faça o login