Xoán 21

21
APÉNDICE
Aparición de Xesús á beira do lago: 21, 1-14
1Máis adiante aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: 2estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus. 3Simón Pedro díxolles:
Vou pescar.
Eles contestaron:
Imos nós contigo tamén.
Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. 4Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. 5Xesús preguntoulles:
Rapaces, tedes algo que comer?
Eles responderon:
Non.
6Díxolles entón:
Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. 7Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
É o Señor.
Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido pois estaba espido e botouse ó mar. 8Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. 9Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
10Xesús díxolles:
Traede peixes dos que acabades de coller.
11Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
12Xesús díxolles:
Vinde comer.
Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle -ti quen es-, sabedores de que era o Señor. 13Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
14Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre os mortos.
Misión de Pedro: 21, 15-19
15Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
Simón de Xoán ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta os meus años.
16E de novo preguntoulle por segunda vez:
Simón de Xoán, ámasme?
El respondeulle:
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta as miñas ovellas.
17E preguntoulle por terceira vez:
Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez "quéresme?", e respondeulle:
Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta as miñas ovellas. 18Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
19Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
Sígueme.
O discípulo amado: 21, 20-23
20Virándose Pedro, viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara "Señor, quen é o que te ha de entregar?" 21O velo, preguntoulle Pedro a Xesús:
E este, que?
22Xesús contestoulle:
Se quero que permaneza ata que eu veña, a ti que che importa? Ti sígueme.
23Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: "se quero que permaneza ata que eu veña, a ti que che importa?"
Conclusións: 21, 24-25
24Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu; e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. 25Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.

നിലവിൽ തിരഞ്ഞെടുത്തിരിക്കുന്നു:

Xoán 21: ABGS

ഹൈലൈറ്റ് ചെയ്യുക

പങ്ക് വെക്കു

പകർത്തുക

None

നിങ്ങളുടെ എല്ലാ ഉപകരണങ്ങളിലും ഹൈലൈറ്റുകൾ സംരക്ഷിക്കാൻ ആഗ്രഹിക്കുന്നുണ്ടോ? സൈൻ അപ്പ് ചെയ്യുക അല്ലെങ്കിൽ സൈൻ ഇൻ ചെയ്യുക