Xénese 34
34
Aldraxe a Dinah
1Dinah, a filla que Lea lle dera a Xacob, saíu visitar as rapazas do lugar. 2En véndoa Xequem, fillo do hivita Hamor, xefe daquel país, agarrouna, deitouse con ela e violouna. 3Namorado da filla de Xacob, tolo de amor por ela, faloulle ó corazón. 4Logo díxolle a seu pai Hamor: —"Adquíreme para muller esa rapaza".
5Xacob recibiu a nova da aldraxe de Dinah, súa filla. Pero como os seus fillos estaban no monte co gando, calou ata que viñesen.
6Hamor, o pai de Xequem, foi ver a Xacob para falarlle. 7Os fillos de Xacob volvían entón do monte e oíron o feito. Doéronse e alporizáronse moitísimo de que unha infamia así se cometese contra Israel. Hai cousas que non se fan, como a de violar a filla de Xacob.
8Hamor faloulles deste xeito: —"Meu fillo Xequem namorouse da vosa filla. Dádella, se podedes, por muller. 9Emparentade connosco, dádenos das vosas fillas e vós tomade das nosas. 10Podedes facer morada onda nós. A terra está aí, á vosa disposición. Habitade nela, sacádelle proveito, adquiride posesións".
11Xequem, pola súa parte, díxolles ó pai e ós irmáns de Dinah: —"Que eu mereza o voso favor, e dareivos o que queirades. 12Fixade un dote alto, reclamade regalos. Dareivos o que pidades, con tal de que me deades a rapaza por muller".
13Os fillos de Xacob, á vista da aldraxe á irmá, responderon con retranca a Xequem e a seu pai Hamor. 14—"Non podemos facer iso de dar a nosa irmá a un home non circuncidado. Sería para nós unha baixeza, cousa deshonrosa. 15Poderemos só consentir, coa condición de que vós fagades coma nós, circuncidando todos os varóns. 16Entón darémosvos as nosas fillas, e nós tomaremos as vosas. Habitaremos convosco e faremos un mesmo pobo. 17Pero se non vos avindes á circuncisión, colleremos a rapaza e irémonos".
18A proposta pareceulles ben a Hamor e a seu fillo Xequem. 19O mozo Xequem non esperou para cumprir a condición, de namorado que estaba da filla de Xacob. El era o máis respectado da familia de seu pai.
20Hamor e seu fillo Xequem foron logo á porta da cidade e faláronlles ós xequemitas: 21—"Estes homes son xente de paz. Que habiten na nosa terra, que lle saquen proveito, pois vedes que a terra é abondosa. Nós tomaremos mulleres das súas fillas e darémoslles a eles das nosas. 22Pero esa xente avirase só a habitar connosco e a facer un mesmo pobo, se circuncidamos todos os varóns, como tamén eles o fan. 23As súas facendas, as súas posesións, os seus gandos, serán nosos. Soamente temos que avirnos á súa condición. Entón morarán connosco".
24Todos os que pasaban polas portas da cidade acollían a proposta de Hamor e do seu fillo Xequem. E circuncidáronse todos os varóns.
Vinganza de Simeón e de Leví
25Tres días despois de se circuncidaren os xequemitas, doentes aínda da operación, dous dos fillos de Xacob, Simeón e Leví, irmáns de Dinah, colleron as súas espadas, entraron na cidade que se cría segura, e mataron a todos os homes. 26Mataron tamén a fío de espada a Hamor e ó seu fillo Xequem. Tiraron do pazo a Dinah súa irmá e saíron con ela.
27Os demais fillos de Xacob botáronse sobre os despoxos e roubaron a cidade onde fora aldraxada súa irmá. 28Levaron consigo ovellas, vacas, asnos e todo o que había na cidade e nos campos. 29Colleron como presa os bens, os nenos, as mulleres, roubaron todo o que había nas casas.
30Xacob díxolles a Simeón e a Leví:
—"Botástesme a perder, facéndome noxento para os habitantes desta terra, cananeos e perizitas. Eu teño pouca xente. Se eles se xuntan contra min e me atacan, acabarán comigo e coa miña familia".
31Dixeron eles: —"Habían tratar a nosa irmá coma unha calquera?"
Nke Ahọpụtara Ugbu A:
Xénese 34: ABGS
Mee ka ọ bụrụ isi
Kesaa
Lee anya n'etiti ihe abụọ
Mapịa
Ịchọrọ ka echekwaara gị ihe ndị gasị ị mere ka ha pụta ìhè ná ngwaọrụ gị niile? Debanye aha gị ma ọ bụ mee mbanye
Dereitos reservados: SEPT