YouVersion Logo
Search Icon

Malaquías 3

3
1Velaí: eu envío o meu mensaxeiro,
para que limpe o camiño diante de min.
Nun momento entrará no seu santuario
o Señor a quen vós estades buscando,
o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor:
vede que chega —fala o Señor dos Exércitos—.
2Quen aguantará o día da súa chegada?
Quen se manterá de pé cando El apareza?
Si, El será coma o lume do fundidor,
coma a lixivia dos que lavan.
3Sentarase coma o fundidor que refina a prata,
refinará os fillos de Leví e purificaraos;
coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor
os que presenten a ofrenda con xustiza.
4Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén,
coma nos días remotos, coma nos anos antigos.
5Entón achegareime a vós para o proceso xudicial,
e serei acusador aleuto
contra os feiticeiros e contra os adúlteros,
contra os que xuran en falso
e contra os que abusan do pagamento do xornaleiro,
da viúva e do orfo, e rebaixan os dereitos do emigrante.
Pero non me teñen medo —fala o Señor dos Exércitos—.
A paga das débedas cúlticas, sinal de fidelidade e bendición
6Eu son o Señor, non cambiei,
pero vós, fillos de Xacob (do que engana) aínda non acabastes.
7Si, desde os días de vosos pais vídesvos apartando dos meus preceptos,
e non os gardades.
Volvede a min, e eu volverei a vós
—fala o Señor dos Exércitos—.
Pero vós dicides: "En que temos que volvernos?"
8Pode un home roubar a Deus? Pois vós estádesme roubando a min.
E dicides: "En que che roubamos?" "Nos décimos e nas primicias".
9Coa maldición estades sendo malditos,
pero seguides roubándome vós, o pobo enteiro.
10Traede todo o décimo á casa do tesouro.
Para que haxa comida no meu templo.
Si, poñédeme a proba —fala o Señor dos Exércitos—,
para ver se eu non vos abro as comportas do ceo,
para librar sobre vós a bendición ata que nada quede na miña man.
11Rifaríalle en favor voso ó saltón,
para que non vos destruíse o froito da terra,
e para que a viña no campo non vos quedase sen uva
—fala o Señor dos Exércitos—.
12Entón proclamaríanvos ditosos todos os pobos,
pois sodes un país de felicidade,
—fala o Señor dos Exércitos—.
O día do Señor será de triunfo e ledicia para os seus servidores
13Os vosos ditos contra min son duros —fala o Señor—.
Preguntades: "Que dixemos nós contra Ti?"
14Dicides: "É cousa inútil servir a Deus!
Que proveito quitamos de gardar os seus mandamentos,
e de camiñarmos en penitencia na presenza do Señor dos Exércitos?
15Agora nós declaramos felices os soberbios:
Si, os que cometen maldades prosperan,
poñen a proba a Deus, líbranse".
16Deste xeito falan entre eles os que respectan o Señor,
cada un co seu próximo,
pero o Señor préstalles atención e escóitaos,
pois o libro das lembranzas estase escribindo na súa presenza,
por mor dos que temen o Señor e estiman o seu Nome.
17Serán para min —fala o Señor dos Exércitos—
propiedade persoal no día en que eu actúe,
porque lles perdoarei o mesmo que un home perdoa o fillo obediente.
18Entón veredes de novo a diferenza entre o xusto e o malvado,
entre quen serve ó Señor e quen non o serve.
19Pois velaí chega o día: abrasará coma un forno,
e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.
Si, o día que chega será a vosa queima
—fala o Señor dos Exércitos—:
non vos deixará raíz nin póla.
20Brillará para vós, os que respectades o meu Nome,
un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.
Vós sairedes e brincaredes coma becerros ceibos:
21esmagaredes os malvados, pois serán po baixo a planta dos vosos pés,
no día en que eu actúe —fala o Señor dos Exércitos—.
Suplementos: mirando ós tempos novos
22Lembrádevos da lei de Moisés, o meu servo,
lei que eu lle ordenei no Horeb,
preceptos e decretos para todo Israel.
23Vede: eu vouvos mandar o profeta Elías
antes de que chegue o día do Señor grande e temible:
24El fará volver o corazón dos pais cara ós fillos,
e o corazón dos fillos cara ós pais,
non sexa que eu me vexa obrigado a vir
para castigar o país co exterminio sagrado.

Currently Selected:

Malaquías 3: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy