Colosenses 3
3
1Polo tanto, se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; 2Arelade o de arriba e non o da terra. 3Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. 4Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.
5Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría. 6Estas son as cousas polas que o noxo de Deus cae sobre os fillos rebeldes; 7e nelas andastes vós en tempos cando viviades emporcallados nelas. 8Pero agora deixádevos de todo iso: furor, carraxe, ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos. 9Non mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos 10e vos revestistes do home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total. 11Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.
12Vós, logo, coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. 13Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. 14E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. 15Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
16Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. 17E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
Preceptos concretos
18Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. 19Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
20Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. 21Pais non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados.
22Escravos, obedecede en todo ós amos que tedes na terra, non para buscar o contento dos homes que ven o voso servizo, senón de corazón por respecto ó Señor. 23Todo canto fagades, facédeo con toda a alma, como para o Señor e non para os homes, 24tendo en conta que recibiredes do Señor a herdade coma recompensa. Servide a Cristo, o voso Señor. 25Quen cometa inxustiza, recibirá o merecido pola súa inxustiza, que Deus non anda con favoritismos.
Currently Selected:
Colosenses 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT