Colosenses 2
2
1Pois quero que saibades a loita tan grande que sosteño por vós e polos de Laodicea e por tantos que non me coñecen persoalmente. 2Así atoparán consolo os seus corazóns, para que, ben unidos no amor, logren a gran riqueza dunha comprensión total e coñezan o misterio de Deus, Cristo, 3en quen están agachados todos os tesouros de sabedoría e da ciencia. 4E dígovos isto para que ninguén vos engane con argumentos capciosos, 5pois aínda que corporalmente estou lonxe de vós, co espírito estou convosco, alegrándome da boa orde que, segundo vexo, reina entre vós e da firmeza da vosa fe en Cristo.
As doutrinas falsas
6Así que, do mesmo xeito que recibistes a Cristo Xesús coma Señor, camiñade agora coma cristiáns; 7enraizados nel, ídevos construíndo, fortalecéndovos na fe que se vos ensinou e rebordando de agradecemento.
8Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido, fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo. 9Porque nel habita corporalmente toda a plenitude da divindade 10e nel que é cabeza de todos os principados e potestades atopades vós a vosa plenitude. 11El foi quen vos circuncidou non cunha circuncisión feita coas mans dos homes senón librándovos dos vosos baixos instintos; esa foi a circuncisión de Cristo. 12Sepultáronvos con el no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos. 13E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con el. El perdoounos todos os pecados, 14Anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz. 15El destituíu os principados e potestades converténdoos en espectáculo público levándoos coma cativos no séquito triunfal da cruz.
16Así, que ninguén vos xulgue por culpa da comida ou da bebida ou polas festas, as lúas novas ou os sábados. 17Estas cousas eran sombra do que estaba para vir; pero a realidade é Cristo. 18Que ninguén vos prive do premio coa súa humildade aquelada e o seu culto ós anxos: visións e visionarios que se ven enfonchados coma parvos polo seu entendemento egoísta, 19ese despréndese da cabeza que polas xuntas e tendóns alimenta e cohesiona o corpo enteiro, facéndoo coma Deus quere.
COMPORTAMENTO CRISTIÁN
Preceptos xerais
20Se morrestes con Cristo ós elementos do mundo, por que deixades que vos impoñan normas, coma se vivísedes conforme a vida do mundo? 21"Non collas, non probes, non toques...": 22esas son cousas que se van desfacendo co uso, e que non pasan de seren preceptos e doutrinas de homes. 23Isto ten, xa que logo, aparencia de sabedoría, pola piedade aquelada, pola humildade e severidade co corpo; pero de feito soamente vale para dar satisfacción ó instinto.
Currently Selected:
Colosenses 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT