YouVersion Logo
Search Icon

Colosenses 1

1
Saúdo e introdución
1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus e mais o irmán Timoteo, 2ós santos e fieis irmáns en Cristo Xesús que viven en Colosas: desexámosvos a graza e paz de Deus, noso Pai.
3Dámoslle grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, rezando decote por vós, 4desde que nos chegou a nova da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que tedes a todos os cristiáns, 5por mor da esperanza de quen vos agarda alá no ceo; esa esperanza da que oístes falar na palabra de verdade do Evanxeo 6que chegou ata vós. Tamén entre vós, coma en todo o mundo, o Evanxeo dá froitos e medra desde o día que escoitastes e coñecestes de verdade a graza de Deus, 7tal coma volo ensinou Epafras, o noso benquerido compañeiro de servizo, fiel servidor de Cristo no noso lugar; 8tamén el nos deu novas do amor que pon en vós o Espírito.
9Por esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha do coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que dá o Espírito. 10Así daredes coma froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus; 11estaredes fortalecidos en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba; 12e darédeslle grazas ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.
SECCIÓN DOUTRINAL
Cristo, misterio de Deus
13Porque El arrincounos da pouta das tebras
para nos pasar ó Reino
de seu Fillo querido,
14en quen nós atopamos
redención,
o perdón dos pecados.
15El é a imaxe do Deus invisible,
de toda criatura el é o primeiro nacido,
16e por medio del fixéronse as cousas,
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos,
as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben maxestades,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin
do universo creado.
17Antes ca todo está el,
todo nel se cimenta aínda hoxe.
18É tamén a cabeza do corpo
o corpo é a Igrexa.
El é o principio,
o primeiro en nacer de entre os mortos,
de xeito que en todo
sexa sempre o primeiro.
19Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
20reconciliar así o universo
consigo, por el;
e no sangue da cruz
poñer paz entre os seres da terra
e do ceo, servíndose del.
21Tamén vós estabades noutro tempo afastados e manifestabades cos vosos feitos a vosa profunda hostilidade; 22pero agora Deus reconciliouvos pola morte do corpo perecedoiro do seu fillo, para vos presentar santos diante del, sen chata e irreprensibles ós seus ollos. 23Unicamente que debedes seguir cimentados e firmes na fe e non vos arredar da esperanza que escoitastes no Evanxeo; ese Evanxeo que se lles predicou a todas as criaturas, debaixo do ceo, e do que a min, Paulo, me fixeron servidor.
Paulo, servidor da Igrexa
24Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. 25Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, 26ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. 27A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: que Cristo, a gloria esperada, tamén é para vós! 28El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido. 29Por isto é polo que eu peno e loito coa axuda da súa forza que traballa en min abondosamente.

Currently Selected:

Colosenses 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in